Habera que remontarse cando eu tiña uso de razón (década dos cincuenta) que comecei a familiarizarme con ese cantiño do Barco. Acompañaba a miña nai á horta, camiño de Veigadocabo e aquel era un lugar de paso e espera. O paso a nivel e a fonte do camiño eran as nosas paradas habituais. Máis tarde, xa deixando a etapa de parvulitos, seguín mantendo un trato estreito pois pasei a "Escola da Tafona", da que gardo bastantes lembranzas, ata que empezou a funcionar o "grupo escolar", hoxe chamado "CEIP Julio Gurriarán". De ler no "Silabario" na escola de Da. Mercedes a chapurrear no Quixote -así como volo conto- foi como aprender un novo idioma.
Pero vou falar do mellor que me pasou, pois sempre che queda un sabor de boca
máis dóce . Os primeiros días foron frustantes, pero aínda hoxe non sei por qué
me pasaron ao segundo andar con D. Jesús, que daquela estaba de baixa.
Veuno substituir outro mestre, de cuxo nome non podo lembrarme. Pero tiña
algunhas características físicas que o marcaban: alto, moreno, de pelo negro
acebiche e rizado, con negros lentes de pasta. Ensinoume algo que me ía servir
moito no futuro: o uso das cores. A miña afección ao debuxo e a pintura empezou
así.
Pero imos seguir coa Tafona. Fronte á escola había un
almacén de coloniais. Non é que eu
comprara alí, pero eran ben visibles os sacos e caixas amontoados sempre na
acera. Tamén vivía por ali Luis, "O Toti", ao que sempre acompañaba a
cativada, subida ou tirando do seu carro. Regresaba petado de paquetes que
viñan no "correo das seis". Tamén lembro ao Buján, xa perto da via do
tren, que tiña un caballo percherón cun cú tan grande como unha praza de
touros- así parecíamo a min-. E outro señor moi amable - que alguen me sople o
seu nome-, que, sempre que me vía, me daba unha ou duas galletas de vainilla,
rancias xa, pero que a min sabíanme a groria.
E conto todo isto, tan persoal, como unha homenaxe á Tafona.
Porque a alguén, un aciago día, ocorreuselle cambiarlle o nome por "Rúa
Lamas Carvajal". E non é que eu non valore a vida e obra deste
escritor, pero xa me cambiou a vida e a
comunicación coa xente máis nova. Así que reivindiquemos o nome da Tafona, un
arabismo, que chegou ao noso galego medieval seguramente por tradición
mozárabe. Este nome servia de referencia a aqueles lugares onde se facía ou
vendía o pan. E, para rematar, se ainda segue por alí a "Panadería
Nuevo" que non nola movan como o topónimo da rúa onde estaba.
(Foto de Manuel Juan Otero Pérez).
Carlos Prieto Rodríguez.