viernes, 6 de enero de 2023

LARDEIRA

 



Un dos moitos lugares que non coñezo de Valdeorras, pero do que teño referencias orais dende a miña tenra infancia. Razón pola que teño que recurrir a unha foto de “InesD” para ilustrar esta publicación. Pequeno lugar que pertence ao concello de Carballeda e que está a 1254 m. de altitude. Moi próximo ao territorio leonés.

Para min este nome sempre tivo unha sonoridade especial. Un lugar moi lonxano, inaccesible e misterioso.

Pero axiña comecei a procurarlle parentela. Un par de Lardeiros na Coruña e Lugo. Lardosa, en Portugal. Un Llardeiru en Asturias. Outro Lardero na Rioxa, hoxendía zona residencial anexionada á sua capital. Ata os italianos teñen unha delicatessen chamada "lardo".

O misterio xa vai desaparecendo e podemos irlle dando unha explicación a este topónimo.  Seica procede do latín "lardum-i", por iso aparece esta parentela nas lenguas romances. E vén a significar "graxa, touciño, sebo do porco". Polo que xa imos concluindo que Lardeira foi, e supoñemos que seguirá a ser,  un "lugar propicio para a curación de embutidos e productos derivados do porco".

Rematando, engadimos a esta serie o adxectivo "lardeiro/a", aplicado a costumes ou prácticas relacionados co entroido ("martes/domingo lardeiro", "colgar o lardeiro/lardeira"). Expresións moi usadas nas terras da nosa contorna e dos nosos veciños bercianos.


BIBLIOGRAFIA:

Wikipedia.

Diccionarios de latín e italiano.

" O Bierzo Ceibe", Javier Lago Mestre.

Fotografía de InesD.