Mostrando entradas con la etiqueta microtoponimos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta microtoponimos. Mostrar todas las entradas

viernes, 6 de enero de 2023

LARDEIRA

 



Un dos moitos lugares que non coñezo de Valdeorras, pero do que teño referencias orais dende a miña tenra infancia. Razón pola que teño que recurrir a unha foto de “InesD” para ilustrar esta publicación. Pequeno lugar que pertence ao concello de Carballeda e que está a 1254 m. de altitude. Moi próximo ao territorio leonés.

Para min este nome sempre tivo unha sonoridade especial. Un lugar moi lonxano, inaccesible e misterioso.

Pero axiña comecei a procurarlle parentela. Un par de Lardeiros na Coruña e Lugo. Lardosa, en Portugal. Ladra, nome de parroquia e río, en Lugo. Un Llardeiru en Asturias. Outro Lardero na Rioxa, hoxendía zona residencial anexionada á súa capital. Ata os italianos teñen unha delicatessen chamada "lardo".

O misterio xa vai desaparecendo e podemos irlle dando unha explicación a este topónimo.  Seica podería proceder do latín "lardum-i", por iso aparece esta parentela nas lenguas romances. E vén a significar "graxa, touciño, sebo do porco". Polo que xa imos intuíndo que Lardeira foi, e supoñemos que seguirá a ser,  un "lugar propicio para a curación de embutidos e productos derivados do porco".

Nesta liña, engadimos a esta serie o adxectivo "lardeiro/a", aplicado a costumes ou prácticas relacionados co entroido ("martes/domingo lardeiro", "colgar o lardeiro/lardeira"). Expresións moi usadas nas terras da nosa contorna e dos nosos veciños bercianos.

Outra interesante hipótese a considerar, que podería ser unha metátase de *lateraria - o >ladreira: lateral, lindeira, aplicable a unha terra no borde dunha vella xurisdicción, parroquia, ou comitatus. Como curiosidade, no caso do río Ladra, o comitatus de Montenegro comezaba "onde entra o Ladra no Miño": "ubi intrat Latra in Mineo" ("latra" de latus-lateris, plural látera = lados).


BIBLIOGRAFIA:

Wikipedia.

Diccionarios de latín e italiano.

" O Bierzo Ceibe", Javier Lago Mestre.

Fotografía de InesD.


jueves, 17 de noviembre de 2022

VALOUCA OU BALOUCA

 VALOUCA OU BALOUCA




Certo é que, ao longo da historia, os amanuenses ou escribáns manexaron os nomes propios (topónimos, xentilicios) á sua maneira. Tampouco daquela había normas ortográficas que puidesen aplicar aos seus escritos. Así que chegamos a pensar e dicir hoxendía que "para os nomes propios non hai regras ortográficas".

Comprobamos, tocante a segunda forma deste topónimo, que encontramos un Balocos en Moeche. Balocas, en Ribadavia. Balocás e Balocales, en Santiso. Lugares ben distantes entre sí. Quizáis debido a esas prácticas documentais comentadas anteriormente ou porque acaían ao significado polo que daquela foron creados. Porén encontramos as formas baloco/a no Diccionario Estraviz como palabras de uso cotián.

Pasamos agora a estudar a forma Valouca. E temos referencias históricas interesantes. Xa que o termo "valocos" utilízouno o Pai Sarmiento con significado de "barranquito o zanja que abren las aguas en una tierra". No portugués do sul comprobamos a existencia da palabra "valoca" con significado de "sulco aberto polos aluvións dun terreo”, aporte de Manuel de Moraes, que o recolle Joan Corominas como posible derivado do latín "vallum". Hoxendía para o profesor Edelmiro Bascuas sería máis coherente o vencellamento destes "valocos" a un valor hidronímico. Así descubrimos no Diccionario Estraviz os termos "valoca" e xa a definitiva "valouca", cos significados de "pequeno vale/valado, corga, vaguada". E tamén aparece no Prontuário Prático do Dr. Carlos Durao.

Analizando a  orografia e toponimia da contorna, observamos que este pequeno lugar barquense  encóntrase nas proximidades do soterrado arroio Cigueño, segue a recibir o nome de Rúa da Valouca e no seu camiño conflúe coa Rúa dos Muiños.

Sería ben establecer un topónimo unificado ao respecto porque xa vai derivando cara a outras formas, como Balorca, que se vai afastando ainda máis da fórmula orixinal. Se tedes alguna dúbida ao respecto, preguntade aos petrucios do lugar, que aínda conservan lembranzas de cando o arroio era “O Arroio”. E para ilustrar o post, deixámosvos unhas imaxes de cómo era esta zona na década dos 60, do meu cartaz familiar, e cómo é na actualidade, foto tirada de Google Maps.

Carlos Prieto Rodríguez

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Edelmiro Bascuas López “Val e outros derivados da raíz indoeuropa wel-“

https://lusografiacarlosdurao.blogspot.com/

Diccionario Estraviz.